A Comunidade de Madrid adxudicou un lote de cinco parcelas con 1.137 vivendas de alugueiro accesible á oferta presentada por Culmia xunto con Ávita e Sogeviso
O pasado 20 de febreiro, a Consellería de Medio Ambiente, Vivenda e Agricultura da Comunidade de Madrid concedeu o lote único do Plan Vive II formado por 1.137 vivendas destinadas a alugueiro accesible. Estas distribuiranse en cinco parcelas situadas en Boadilla del Monte (524 vivendas), Pinto (422) e Colmenar Viejo (288 repartidas en 3 promocións) e ofreceranse en alugueiro -na modalidade de vivenda protexida- a un prezo entre un 20 e un 40 % inferior ao do mercado.
A oferta presentada por Culmia (promotora) da man de Ávita (construtora) e Sogeviso (xerente da explotación) resultou adxudicataria e incorpórase así ao lote 3 deste mesmo Plan Vive que lles foi adxudicado no 2021 e cuxas 1.763 vivendas estarán dispoñibles a comezos do vindeiro ano. En total, a suma de ambos os lotes ascende a 2.900 vivendas de alugueiro accesible que se comercializarán e xestionarán dende Sogeviso nos vindeiros anos.
A concesión pública deste Plan Vive II, realizada en terreos que forman parte das redes supramunicipais da Comunidade de Madrid, terá unha duración de 65 anos nos que as vivendas se destinarán única e exclusivamente ao réxime de alugueiro accesible. Boa parte das promocións contarán con servizos adicionais de conserxería, piscina, ximnasio e xardinería, ademais de servizos básicos de limpeza e mantemento para garantir a boa conservación das instalacións. Todos estes coordinaranse dende Sogeviso na súa función de xestor integral da explotación.
Para construír estas cinco promocións de 1.137 vivendas de entre un e tres dormitorios -que contarán, ademais, como mínimo cun rocho e unha praza de garaxe vinculada a cada unha-, Culmia realizará o investimento a través da empresa Saturn Holdco, S.A. O método de construción industrializada que aplicará Ávita (Grupo Avintia) permitirá reducir arredor do 30 % os prazos de execución das obras. Este sistema industrializado presenta outras vantaxes, como a redución de incidencias posvenda en máis dun 50 % e unha mellor e maior garantía dos elementos instalados e a redución das emisións de CO2 en case un 40 % na fase de produción e construción fronte a un sistema tradicional, ademais dunha redución moi substancial en termos de consumo enerxético para a fase de explotación.
Sogeviso mantén a súa clara e decidida aposta pola xestión do alugueiro accesible e pola promoción de políticas destinadas a este tipo de alugueiro en todo o Estado, a través da colaboración público-privada. Cos dous lotes do Plan Vive e a promoción adxudicada a mediados do ano pasado en Calafell (Tarragona), sumaranse ao seu parque de xestión máis de 3.000 vivendas de alugueiro accesible, resultado da aplicación destes modelos de colaboración.
Que é o Plan Vive?
O Plan Vive é un proxecto promovido pola Comunidade de Madrid cuxa finalidade é ampliar o parque de vivendas destinadas ao alugueiro a prezos accesibles mediante a colaboración público-privada.
Esta colaboración realízase a través dun modelo de concesións administrativas de dominio público ao sector privado que contempla a construción de 25.000 pisos de alugueiro durante os vindeiros oito anos con rendas ata un 50 % por debaixo do mercado.
Un dos seus principais obxectivos é facilitar o acceso á vivenda a colectivos preferentes, como mozos e mozas menores de 35 anos, maiores de 65 anos, persoas discapacitadas, familias numerosas, mulleres vítimas de violencia de xénero ou embarazadas menores de 35 anos.